Sin categoría

Concerto de Susana Seivane no Chandefolk

O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk a Susana Seivane, ilustre gaiteira galega e auténtica lenda viva deste instrumento. A cita será hoxe luns 14 de agosto ás 22:00 horas en Chandebrito, no Merendeiro de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol. Antes, ás 21:00 horas, actuará o grupo de musical tradicional Chavellos de Mos. Na carballeira haberá postos de bebida e comida instalados por Bocatería Lalo’s e Capitán Filloa.

Susana Seivane estará acompañada no escenario por un elenco de músicos de talento, Miguel González ao saxo; Rubén Deschamps á guitarra e mandolina; Carlos Freire á batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez ao baixo eléctrico. Con eles consegue un espectáculo gran fresco, dinámico e orixinal que mantén a diversión do público dende os primeiros compases ata o último bis porque xuntos conquiren unha mestura áxil e moderna que afonda a súa raizame no máis profundo da tradición galega, deixando arrolar a súa ramaxe nos ventos dos novos tempos.

No Chandefolk colabora de xeito activo a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, o concerto de Susana Seivane forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega.