
Praia América e Panxón volveron este domingo a ser o escenario dunha das carreiras máis singulares do verán, a Nigrán Area, que cumpría a súa décimo segunda edición organizada pola Sociedade Atlética Val Miñor e o Concello de Nigrán, contando coa supervisión da Federación Galega de Atletismo.
Preto de 700 corredores participaron no evento, repartidos nas categorías Absoluta, Sub 16, Sub 14, Sub 12, Sub 10, Sub 8 e Pitufos. Todos eles tiveron que completar os diferentes circuítos, que ían desde os 100 ata os 6.000 metros dependendo da categoría, que discorrían entre o porto de Panxón e Praia América, itinerarios chairos sobre a area mollada, xa que se aproveita a marea baixa.
Hugo Suárez e Ana Marinho volveron ser os vencedores na carreira absoluta, cuns tempos de 20:07 e 21:44 respectivamente. Os primeiros atletas de Nigrán en cruzar a meta tamén repiten, subindo ao máis alto do podio Roberto Garrido e Victoria Moreu.
Nas categorías de menores en Sub 16 foron vencedores Diego Pereira e Aroa Barbeito, en Sub 14 Jun Sieira e Carmen Paz, en Sub 12 Ángel Rodríguez e Karol Rivera, en Sub 10 Daniel González e Sabela Muíños e en Sub 8 Daniel Varela e Xiana Estévez.