Sin categoría

Carlos Gómez presenta o novo Paseo Pinzón aos veciños e veciñas

Carlos Gómez Prado, portavoz socialista no Concello de Baiona, presentou aos veciños e veciñas o proxecto xa rematado do novo Paseo Pinzón, en compañía dos concelleiros e concelleiras do PSOE. Os socialistas lamentan que o actual alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, evitase unha inauguración oficial do Pinzón ao tratarse dunhas obras do anterior goberno local, “rompendo así o respecto á xestión doutros alcaldes que era tradicional en Baiona”.

Tras un investimento de 1.100.000 euros, dos cales a Deputación de Pontevedra achegou o 45%, os veciños e veciñas de Baiona xa desfrutan do novo Pinzón, máis accesible, humanizado e moderno. “A remodelación do Pinzón era o comezo da transformación urbanística de Baiona que tiñamos planificada, despois dun mandato marcado pola pandemia e no que se abordou a transformación das políticas sociais e culturais”, explica Gómez Prado.

Os veciños e veciñas presentes eloxiaron o resultado final e os socialistas esperan un cambio de comportamento no actual goberno, lembrando que “no pasado mandato inauguramos o Multiusos de Sabarís recoñecendo o traballo de Ángel Rodal”.