O Concello de Nigrán colabora co Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca para organizar a súa XXVIII Semana Cultural que arranca hoxe e que ten o seu día grande o venres 11 de agosto coa undécima festa dos ovos con chourizo, evento gastronómico que o goberno local promoverá para que obteña o distintivo de “Interese gastronómico galego”. Ese día, a partir das 21:30 horas, unha trintena de persoas da entidade estarán a traballar para poder ofrecer 1.500 racións nunha Praza da Carrasca totalmente preparada para a ocasión e cuberta por paraugas de cores grazas á colaboración de Juan Alves e o Queimada.
“A festa dos ovos con chourizo é a única festa gastronómica de Nigrán que se mantivo no tempo grazas precisamente a unha entidade cultural e gañando cada vez máis público ata ser unha das máis populares da comarca, polo que consideramos que merece ser declarada de Interese Gastronómico Galego, unha distinción que podería obter a partir de cumprir os 15 anos”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que desde o Concello xa se está a traballar nese sentido.
A semana cultural arranca hoxe a partir das 21:30 horas co concerto das corais Son dos Cantares de Mos, Polifónica Lira de San Miguel de Oia e Ecos do Castelo. O mércores, o Concello ofrece polo Día da Xuventude a actuación do grupo San Rockers ás 21:30 horas. Xa o xoves, Día do Neno, a partir das 17:30 horas, o Concello achega o espectáculo do Mago Charlie Braun ao que se lle sumarán inchables e festa da escuma. Finalmente, o venres será a festa dos ovos con chourizo coa actuación do grupo Os Alegres do Val Miñor, tamén achega do Concello.
“Desde o Concello transmitimos os nosos parabéns ao Centro Cultural A Carrasca polo seu traballo incansable durante todo o ano que contribúe a dinamizar a vida cultural e social da parroquia”, explica González, quen incide en que o goberno local vén de aprobar unha subvención directa de 30.000 € para facer accesible a súa sede, que dispón do auditorio no terceiro andar ao que, a día de hoxe, só se pode chegar por escaleiras.

