Unha trintena de tripulantes e os seus “barcos tolos” desafían á corrente no Flota como Poidas

Un total de 10 artefactos flotantes sen motor participaron na tarde deste domingo na novena edición da xa tradicional concentración “Flota como Poidas”, organizada por sexto ano polo Concello de Nigrán. Os 30 valentes tripulantes e as súas hilarantes embarcacións, volveron divertir e sorprender aos centos de asistentes que se achegaron ata A Ramallosa.

O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. Unha vez finalizada a travesía, os participantes puideron gozar dunha bebida e un bocadillo na Alameda da Ramallosa, onde se realizou tamén a entrega de premios.

O premio para o artefacto máis currado foi para “Juan Sebastián de Elpalo”, a tripulación máis simpática foi a de “Escenas de matrimonio”, o premio á familia máis intrépida e participativa foi para “As Chuzas”, “Villa Cousa” foi o artefacto máis cutre, e “Petrogran” levou o premio Titanic. A participante máis nova foi Cloe Vázquez Roqueiro (7 anos) de “Gondoleros en Apuros” e o máis maior Luis González Ramos (66 anos), integrante de “¡Mandacaballo!”.

Tamén se premiaron como os máis gafes a “Can de Palleiro”, ao “Equipo Firulais” polo artefacto máis enxeñoso, “A Bicichoca” proclamáronse vixiantes da ponte, e recoñeceuse a “¡Mandacaballo!” pola maior distancia percorrida e a “Gondoleros en Apuros” co premio á resistencia. Os premiados levaron un diploma e unha cesta de froitas. A participante máis nova e o de maior idade levaron ademais un flotador en forma de flamenco. Tamén se sorteou entre todos os participantes un kaiak.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.