Sin categoría

Nigrán abre o festival “Chandefolk” cunha observación das perseidas

O Concello de Nigrán quenta motores para o gran concerto do Chandefolk (luns 14 con Susana Seivane) ofrecendo este martes 8 de agosto unha observación nocturna das perseidas guiada por un experto do Centro Astronómico de Trevinca desde as 22:00 horas no “Bosque da Memoria” (explanada do Castro de Chandebrito, zona libre de contaminación lumínica e con ampla bóveda celeste, polo que resulta especialmente idónea; recoméndase acudir con toalla ou esterilla para poder tombarse). O Concello de Nigrán iniciou a actividade no 2015 sendo a día de hoxe unha das propostas de referencia no calendario de verán que permite dar a coñecer Chandebrito, parroquia do interior con gran riqueza natural, patrimonial e etnográfica. Precisamente, por este mesmo motivo, este ano incorpórase o xoves 10 de agosto ao “Chandefolk” unha ruta nocturna para descubrir os espectaculares petróglifos da zona a cargo de Árbore Arqueoloxía (a andaina parte desde o Colexio Estudio ás 21:30 horas aproveitando a noite para poder aprecialos mellor, é preciso levar lanterna ou móbil con ese dispositivo).

Todas as actividades, incluído o concerto, son gratuítas e abertas á participación de veciñanza e visitantes, que tan só deben acudir ao lugar na hora indicada con roupa de abrigo e calzado axeitado. Ademais, o concerto de Seivane terá as mochilas vibratorias do Concello a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675. No Chandefolk colabora de xeito activo a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, o concerto forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega. No recinto (carballeira de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol) disporase de barra de bebidas con chouripáns á venda.