Fernando e Jorge Rodríguez e Nuria Domínguez e Mª Cristina González gañan a Regata de Gamelas de Baiona

As augas de Baiona acolleron este venres a tradicional Regata de Gamelas “Gran Premio Eurored Vigo 2023”, organizada un ano máis pola Concellería de Deportes e Actividades Marítimas con motivo das festas patronais da Anunciada. Nesta edición, toda a regata volveu centralizarse nun único día, coa celebración das quendas clasificatorias femininas e masculinas e as súas respectivas finais. Despois da entrega de premios, os participantes puideron gozar dunha festa fin de regata con paella.

Participaron un total de 15 parellas, 9 masculinas e 6 femininas, chegadas da Guarda, Tui, Baiona, Moaña, Vigo, Coruxo e Cangas. Clasificáronse para as finais as 4 parellas masculinas e femininas que conseguiron os mellores tempos nas quendas clasificatorias.

Na categoría masculina os gañadores foron Fernando Rodríguez Freitas e Jorge Rodríguez Vicente, da Guarda, que completaron os 6 longos e 5 xiros nun tempo de 8:58.90. Os tudenses Sandro Rodríguez González e Alfonso José Riveiro Cabaleiro cruzaron a liña de meta en segunda posición parando o crono en 9:39.78. Abel Rodríguez Lomba e Francisco da Costa Pérez, tamén da Guarda, conseguiron o terceiro posto do podio cun tempo de 9:44.98.

As tudenses Nuria Domínguez Asensio e María Cristina González Álvarez revalidaron o título de campioas na categoría feminina, ao completar os 4 longos e 3 xiros en 6:37.04. O segundo posto foi para Tatiana Dorado Acevedo e Claudia Dorado Acevedo, da Guarda, que cruzaron a liña de meta tras 7:00.40. Iria Álvarez Rodríguez e Lara Álvarez Rodríguez, tamén de Tui, pecharon o podio en terceira posición cun tempo de 7:00.85.

Os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina, recibiron ademais de trofeo un premio en metálico, de 300 euros para os gañadores, de 200 euros para os segundos e de 100 para os terceiros. Tamén houbo agasallos para todos os participantes.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.