Este domingo celebrouse no Parque da Palma a habitual homenaxe a un ex compoñente da tradicional Danza das Espadas de Baiona. Nesta ocasión, foi recoñecido Jose Fernando Ríos Costas “O Veletas”. Despois da actuación da Asociación Folclórica Vila de Baiona, acompañada polo grupo de gaitas “A Seneira”, recibiu unha placa conmemorativa da man do tenente de alcalde, Jose Ángel Bahamonde, e do capitán e o rabero da Danza das Espadas, Jaime Costas Pereira e José Manuel Míguez. Para finalizar o acto, os integrantes da Danza das Espadas realizaron o tradicional baile, acompañados pola charanga Nova Cubana, especialmente dedicado ao homenaxeado.
Jose Fernando Ríos Costas “O Veletas”
Naceu en Baiona o 3 de maio de 1949. Casado con 4 fillos e 9 netos, comezou a bailar na Danza das Espadas de Baiona á temperá idade de 18 anos da man de Manolo “O Canoto”, que o introduciu nesta fermosa tradición e costume mariñeira baionesa. Xa fai uns 8 anos que deixou a formación, pero cumprindo co legado de transmisión de pais a fillos e mesmo a netos, somos testemuñas de como o seu neto Pablo Iglesias Ríos recolleu a testemuña e continúa formando parte como xeración futura desta fermosa tradición baionesa.

