
Baiona poderá gozar durante esta fin de semana de varias funcións teatrais da man do Circuíto Galego de Teatro Amador. Esta actividade está enmarcada dentro do BaiOutono, programación realizada pola Concellería de Cultura.
Hoxe ás 20:00 horas no Auditorio V Centenario a compañía Atrezo Fontvlla ofrecerá o seu espectáculo “Balneario A Condesiña”. Esta obra conta os amores, desamores, acordos e desacordos dun grupo de persoas que se achegan ata o Balneario A Condesiña para pasar unhas inesperadas vacacións. A función está recomendada para todos os públicos.
O sábado 24 á mesma hora e tamén no Auditorio V Centenario poderase gozar coa peza teatral “Facendo as Partixas” a cargo de Axóuxere Teatro. Unha obra de recordos, encontros e desencontros. Nela, dous irmáns atópanse despois de 20 anos para repartir a herdanza familiar.
E o domingo haberá sesión dobre. En primeiro lugar a Praza do Concello acollerá ás 12:00 horas a Andaravía Teatro co seu “Brincacontos”. Por último, O Trasno Novo Teatro pechará a tarde do domingo ás 20:00 horas coa súa obra “En venda” no Auditorio V Centenario.
O Circuíto Galego de Teatro Amador da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) consiste nunha programación de catro funcións teatrais por sede repartidas por toda Galicia, onde os grupos actuarán fóra do seu círculo xeográfico. Desta forma o circuíto promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro.
FEGATEA e Lohengrín teatro organizan o circuíto coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona.
Desde o Concello de Baiona mándase unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía xa que se van a poñer as medidas de seguridade e preventivas necesarias, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O obxectivo xeral é reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia á vez que se goza da oferta cultural.
O obxectivo é proporcionar actividades de lecer aos veciños e veciñas e visitantes nunha contorna segura e, para iso, o acceso e o aforo estará controlado e tomaranse todas as medidas de seguridade pertinentes.