O Concello de Nigrán prepárase para festexar este domingo 6 de agosto o seu evento máis surrealista e hilarante do verán: a concentración de artefactos flotantes “Flota como Poidas”. Un total de 30 tripulantes con idades comprendidas entre os 7 e os 65 anos e distribuídos en dez “pseudoembarcacións” construídas por eles mesmos competirán desde as 17:30 horas na Foz do Miñor por premios tan delirantes como o “Titanic” ao primeiro que afunda ou o artefacto máis “cutre” e máis “currado” ou á tripulación máis “intrépida” e “simpática”.
O evento, que cada ano reúne a centos de persoas na contorna da ponte románica, apunta á diversión absoluta ao tenor dos nomes dos artefactos flotantes inscritos: “Juan Sebastián de Elpalo”, “As Chuzas”, “Escenas de matrimonio”, “¡Mandacaballo!”, “Gondoleros en apuros”, “Can de Palleiro”, “Petrogran”, “A bicichoca”, “Equipo Firulais” e “Villa Cousa”.
Como é xa habitual, o “Flota como Poidas” coincidirá coa celebración da festa de comerciantes “Portobelo” organizada coa asociación de empresarios Ovalmi na Alameda de A Ramallosa durante todo o día, polo que o Concello abrirá excepcionalmente este domingo de 10:00 a 22:00 horas o parking municipal gratuíto da rúa Argonautas (ao carón da Piscina Mancomunada) para facilitar a asistencia (o horario habitual é de luns a sábado de 8:00 a 22:00 horas e tamén gratis).

