O anfiteatro do Bosque da Lingua completa aforo co recital de poesía de Couso

As voces poéticas de Fran Fernández Davila, Gonzalo Navaza, Soledad García, Manuel Forcadela, Cristal Méndez, Pepe Cáccamo e Xavier Baixeras completaron o aforo do anfiteatro da Mancomunidade de Montes de Couso. Máis de cen persoas reuníronse no anfiteatro do Bosque da Lingua para escoitar as voces destes grandes poetas no espazo natural de 40.000 m2 de carballos, castiñeiros, camelios, teixos e bidueiros con placas que recollen versos a través dun código QR das mellores composicións da nosa lingua.

O historiador Carlos Méixome agradeceu a asistencia para dar paso ás sete voces poéticas: o escritor e enxeñeiro Fran Fernández Davila, o académico da RAG Gonzalo Navaza, a escritora dos paseos do Miñor Soledad García, a compositora Cristal Méndez e os multipremiados Manuel Forcadela, Pepe Cáccamo e Xavier Baixeras. Os actos pecháronse co presidente da Mancomunidade de Couso, Xosé Antón Araújo, que explicou o proxecto do Bosque da Lingua e animou á xente a participar nel. Prevén a construción dun parque infantil para dar cobertura aos colexios que visitan este coidado espazo natural.