A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona informa de que a “Caravana Morada” estará instalada no Paseo Ribeira o venres 4 e o sábado 5 de agosto. Terá un horario de apertura dende as 20:00 ás 04:00 horas para dar servizo nas festas patronais da Anunciada. A caravana do punto lila estará atendida por un equipo técnico especializado en previr e orientar na loita contra a violencia de xénero, integrado por dúas profesionais expertas en violencia de xénero: unha psicóloga e unha traballadora social. Ambas asistirán e asesorarán ás mulleres que así o necesiten e informarán sobre os recursos dispoñibles a nivel local, comarcal, autonómico e nacional.
Así mesmo, ofrecerase un servizo de prevención, información e acompañamento á violencia de xénero. O obxectivo do punto lila é por unha banda concienciar e visibilizar o compromiso social e rexeitamento comunitario das violencias informando sobre os recursos dispoñibles contra a violencia de xénero e por outra parte ofrecer atención técnica, psicolóxica e de coordinación. O punto lila “Caravana Morada2 está financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

