O PP de Nigrán denuncia “opacidade” na tramitación do novo prego do servizo de recollida de lixo

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz María José Pino, denuncia a actuación da corporación socialista con respecto ao servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e de praias, o cal leva caducado desde o ano 2021. O goberno municipal levou ao último pleno, celebrado o 27 de xullo de 2023, o inicio do procedemento de contratación do servizo en cuestión, sometendo devandito punto a votación na sesión. Desde o Partido Popular de Nigrán votouse favorablemente o inicio do procedemento, pois considera a limpeza e xestión de residuos un aspecto capital para o municipio, pero denuncia “a infame xestión” levada a cabo desde a corporación municipal.

Pino lembra que o actual contrato leva caducado desde o 30 de xuño de 2021, tras esgotar incluso unha prórroga de 6 meses, “polo que ao longo destes dous anos o alcalde Juan González decidiu seguir pagando á empresa concesionaria a través dun dos seus habituais contratos verbais, os cales son, como ben recalcou o interventor municipal nun dos seus informes legalmente improcedentes”. Para máis inri, ademais dos pagos pola prestación do servizo, desde o Concello de Nigrán seguiuse abonando á empresa cantidades relativas á amortización do material de limpeza, “o que é de xeito evidente irregular”. Lémbraselle ao alcalde que esta situación de alegalidade na que se atopou o servizo de recollida de residuos ao longo dos dous últimos anos tivo efectos perniciosos para o persoal de traballadores da empresa concesionaria, que viron como os seus salarios permaneceron conxelados durante este tempo.

Con respecto á tramitación do novo contrato, desde o grupo municipal popular denúnciase a opacidade mostrada desde a corporación socialista, non informando da contratación da empresa Into Consulting para a realización dos pregos, obviando que non se achega ao expediente a listaxe de persoal da empresa concesionaria, non facilitando o prego de condicións elaborado pola empresa e mostrando un claro desprezo aos técnicos municipais (arquitecto, aparelladores, secretario, interventor etc), que están sobradamente cualificados para a realización dos mesmos sen necesidade de externalizar devandito proceso. A maiores, contémplase un importante incremento económico no novo contrato, de máis de sete millóns de euros, sen quedar claras as condicións e obrigacións para a empresa adxudicataria.

Desde o grupo municipal popular denúnciase a “sobrada incompetencia” do alcalde Juan González, quen despois de máis de dous anos da finalización da prórroga do anterior contrato anuncia de modo triunfalista o inicio do expediente de contratación do novo, “cando o seu goberno foi incapaz de realizar as xestións en tempo e forma”. Pino lémbralle que ao longo da última lexislatura os populares preguntaron reiteradamente pola situación do novo contrato, e mesmo o propio persoal da empresa tivo que reivindicar os seus dereitos asistindo aos plenos municipais sen obter ningunha solución.