Nigrán estrea na comarca o documental de Roi Cagiao “10 de Marzo”

O Concello de Nigrán ofrece este sábado ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o documental “10 de Marzo” coa presenza do seu director, Roi Cagiao, para establecer un coloquio posterior. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Este traballo aborda por primeira vez en formato de longametraxe documental os acontecementos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, un dos feitos máis icónicos da loita polas liberdades e os dereitos sociais no noso país no tramo final do franquismo. Este día, en plena folga, unha manifestación convocada polos obreiros da empresa naval Bazán saldouse coa morte de Daniel Niebla e Amador Rey a causa de disparos da policía franquista e centos de feridos.

O filme narra, cronoloxicamente, desde a elección do xurado de empresa en 1972; a negociación do convenio; os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo; a repercusión internacional dos mesmos, así como o chamado “Proceso dos 23” no que os principais protagonistas foron xulgados tres anos máis tarde. Deste xeito, o director Roi Cagiao e a produtora Arthur Gordon, despois da exitosa “Vigo 1972” (que tamén se proxectou en Nigrán) volven afondar na historia social galega contemporánea con este novo filme.