O alcalde de Nigrán, Juan González, acudiu este xoves ao IES Proval para coñecer de primeira man a experiencia do alumnado maior de 55 anos que estivo a realizar durante este mes un curso gratuíto de capacitación dixital que xa remata este venres. Na visita estivo acompañado polo equipo directivo do centro.
O IES Proval foi un dos 32 centros seleccionados en toda Galicia para ofrecer esta formación financiada polo Ministerio de Educación e pola Unión Europea-Next Generation EU. Así, un total de 15 alumnos de toda a comarca asistiron desde o 12 ao 28 de xullo en horario de 10:00 a 12:30 horas para aprender a manexarse coas novas tecnoloxías, especialmente no uso de smartphones e as diferentes aplicacións de máis uso. A previsión é volver a realizar unha nova convocatoria no mes de outubro.
“Desde o Concello de Nigrán ofrecemos este ano un curso dirixido especificamente a smartphones e tivo tanto éxito que o repetiremos; está claro que todo este tipo de accións formativas son moi interesantes porque melloran a calidade de vida das persoas con cuestións tan simples como saber empregar a aplicación do Sergas para pedir cita no médico ou poder enviar un correo electrónico, así que transmitimos os nosos parabéns por telo realizado”, sinalou o alcalde, Juan González.

