Chega unha das citas crave para o equipo AMF Motorsport, o Rallye Pazo Tizón, onde Alberto Meira e Avelino Martínez partirán co dorsal 1 nas portas do Fabia R5 e a bitola de máximos favoritos para facerse coa que sería a súa primeira vitoria absoluta da tempada.
Ademais da xeral scratch, Meira ten ante si a posibilidade de facerse co título da Copa Top Ten Pirelli Driver A e o Supercampionato Galego R5. Para iso debe terminar cuarto en ambos os dous certames e xa sería matematicamente campión, fagan o que fagan os seus rivais, poñendo así un broche de ouro anticipado a unha tempada impecable.
A pesar de todo, a fin de semana no Carballiño esconde moitas claves, como a meteoroloxía incerta, que podería dar algunha que outra sorpresa, ademais das novidades en canto a especiais, como comenta Alberto Meira: “Os tramos desta edición están moi ben para correr, son tramos que teñen un pouco de todo, zonas moi rápidas, algún que outro cruzamento delicado e bastantes zonas sucias que se poden encher de barro se a auga fai acto de presenza. Debemos ser intelixentes como fomos durante esta primeira parte de campionato e seguir sen cometer erros”.
A cita carballinesa comezará o venres coa disputa dun shakedown na matinal e un tramo urbano pola tarde, que xerará as primeiras diferenzas antes do groso da proba o sábado, con cinco cronometradas a dobre pasada.

