Xornada longa para a frota participante no 48º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo. Custou arrancar pola ausencia dun Eolo que non puxo as cousas fáciles este luns ao Comité de Regatas, pero finalmente a tradicional Volta a Ons escoitou o bocinazo de saída para deixar vista para sentenza a histórica regata do club baionés.
Aínda que o programa de competición contemplaba o inicio da terceira proba puntuable para os dous trofeos que están aínda en xogo -o Trofeo Conde de Gondomar e o Trofeo Erizana- ás once da mañá, as tripulacións e o Comité de Regatas tiveron que esperar preto de catro horas para arrancar a xornada. Foi finalmente pasadas as tres da tarde cando se conseguiu arrancar a regata cun vento duns seis nós e coa saída situada fronte á Illa de San Martiño, no arquipélago de Cíes.
Un percorrido no que os máis de cincuenta equipos participantes tiveron que esforzarse ao máximo, principalmente ao comezo da proba e ata chegar á baliza do Camouco, onde o vento por fin sopraba algo máis forte, cuns doce nós de intensidade que permitiron á frota cumprir co programa de probas previsto.
Os máis rápidos foron o Aceites Abril de Luis e Jorge Pérez-Canal (RCN Vigo) e o Magical de Julio Rodríguez, que tamén navega baixo a grímpola do club vigués. A tripulación dos irmáns Pérez-Canal logrou cruzar a liña de chegada en primeira posición pasadas as sete da tarde e con vantaxe sobre os de Rodríguez.
Por detrás, os seguintes equipos en finalizar o percorrido non o fixeron ata case unha hora máis tarde.
No momento de redactar esta información (20:00 horas), o groso da frota aínda continúa disputando a Volta a Ons, que deixará a competición pendente do que suceda o martes na última xornada de regatas.
Está previsto que Eolo volva soprar mañá con forza para as dúas probas barlovento-sotavento que quedan por disputarse e que serán, sen dúbida, as encargadas de decidir aos novos vencedores dunha das regatas con máis tradición do calendario nacional de regatas.
A entrega de trofeos, que se celebrará ás 18:30 horas cando finalicen as últimas probas programadas, poñerá o broche final á cita.





