Xunto ao espectáculo deportivo ofrecido en augas galegas pola 48ª edición do Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia e antes de poñer fin a catro intensos días de competición, as tripulacións dos barcos participantes mostraron onte á noite a súa faceta máis solidaria, achegando doazóns en prol da inclusión e a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.
Foi no marco da Gala do Gran Premio Zelnova Zeltia celebrada no xardín do Monte Real Club de Yates de Baiona. Os preto de 200 regatistas presentes puideron sumarse a unha recadación de fondos cuxo resultado vai permitir financiar un total de cinco bolsas destinadas a persoas beneficiarias da Fundación Igual Arte, todas elas con diversidade funcional. Esta entidade non lucrativa con sede en Vigo impulsa terapias baseadas en manifestacións artísticas como a música, a danza ou o teatro, que favorecen a socialización e o desenvolvemento de competencias para a autonomía e a inserción laboral.
A gala estivo presentada por Duarte Galbán e contou cun monólogo de Carlos Blanco. Estes dous coñecidos rostros dos estudios e a escena galega puxeron a nota de humor á velada, na que se sorteou entre os doantes unha noite para dúas persoas nos aloxamentos rurais Cabañitas del Bosque, situados en Outes (A Coruña) e dotados de spa en plena natureza. O premio recaeu en Carlos San Martín Álvarez, da embarcación Aceites Abril (Real Club Náutico de Vigo), da clase ORC.
Zelnova Zeltia, dedicada á fabricación e venda de produtos para o coidado do fogar e o benestar familiar, patrocina o Trofeo Conde de Gondomar por terceiro ano consecutivo. Na presente edición da regata quixo poñer en marcha unha nova iniciativa na que conflúan os valores do deporte e da solidariedade, como modo de reforzar o impacto positivo que a empresa con sede en Porriño e presenza en máis de 50 países xera na súa contorna.
Así, Zelnova Zeltia aposta non só pola sustentabilidade ambiental nos seus procesos de fabricación e comercialización, senón tamén pola sustentabilidade social, un reto igualmente demandado por clientes e cidadanía, con quen quere sumar esforzos para atender especialmente aos colectivos en risco de exclusión, como é o caso das persoas con diversidade funcional.







