Triunfo histórico para o Aceites Abril. O equipo do Real Club Náutico de Vigo encabezado polos ourensáns Luis e Jorge Pérez-Canal alzouse este martes coa súa sétima vitoria do Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo, logrando superar o récord de triunfos que ata o ano pasado ostentaba en solitario a saga do Pairo de José Luis Freire.
Tras a disputa o luns da tradicional Volta a Ons na que a ausencia de vento provocou que a regata non finalizase ata pasadas as nove da noite, a cuarta e última xornada da cita organizada polo Monte Real resolveuse este martes con moi boas condicións e coas dúas últimas probas programadas no campo de regatas situado fronte ás Illas Cíes. Ao redor da unha da tarde o Comité de Regatas deu o primeiro bocinazo de saída cuns doce nós de vento para unha frota disposta a pelexar ata o final por alzarse co título definitivo da prestixiosa cita.
Entre os equipos de ORC que se xogaban o Trofeo Conde de Gondomar -para o que puntuaron tanto o reto do Carrumeiro como a Volta a Ons e as dúas últimas probas-, o Magical de Julio Rodríguez foi hoxe o mellor anotándose dous primeiros postos. A vitoria final, con todo, foi para o Aceites Abril grazas aos dous triunfos selados na etapa do Carrumeiro e na Volta a Ons, que contaban cun coeficiente de puntuación de 2 e 1,5 respectivamente e permitiron ao equipo manterse no máis alto da xeral ata o final da cita.
Todo un fito para a tripulación do Real Club Náutico de Vigo formada por Luis e Jorge Pérez-Canal, César Torné, Eduardo Reguera, Juan de Cominges, Iago Carrera, Luis Sampedro, Sebastián Martínez-Risco, Pablo Espinosa, Luis da Rocha, Carlos San Martín e Jaime de la Gándara, que logra con este título superar as seis vitorias da saga do Pairo de José Luis Freire e ostentar así o récord da regata con sete triunfos absolutos no seu palmarés persoal.
Por detrás, a segunda posición da xeral foi para o tamén vigués Magical de Julio Rodríguez e o terceiro caixón ocupouno o Elekomambo de Carlos Sampedro, tripulación que navega baixo a grímpola do Club Náutico Cabanas.
Na división ORC Extra A, rotunda vitoria para o Elekomambo. O equipo de Carlos Sampedro asinou un pleno de vitorias e alzouse co triunfo cunha vantaxe de dez puntos sobre o segundo clasificado, o Racer de Januàrio Cruz (We Do Sailing). A terceira posición ocupouna o Narval de José Antonio Portas (CN Vilagarcía).
En ORC Extra B tampouco deu opción aos seus rivais o Unus de René García (MRCYB), que gañou as catro probas disputadas no 48º Trofeo Conde de Gondomar e proclamouse vencedor da súa división. Seguíronlle na segunda e terceira posición respectivamente o John ´n Jack de Jean Claude Serrade (YC do Porto) e o Ronáutica Marinas de Jorge Carneiro (CN San Telmo).
Pola súa banda, o resto da frota participante xogábase este martes o título do Trofeo Conde de Gondomar – Erizana, no que puntuaron a Volta a Cíes do sábado, a Volta a Ons do luns e as dúas últimas regatas da xornada final.
En ORC 0-3, vitoria axustada para o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid. O barco do Real Club Náutico de Vigo fíxose co trofeo con só un punto de vantaxe sobre o Ojo Piojo de Manuel Lopes (We Do Sailing), que tamén pelexou ata o final. Por detrás, terceiro foi La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo).
En ORC 4-5 o Nahela de Víctor Manuel Álvarez foi outro dos equipos que non cedeu en ningunha das probas disputadas, gañando catro de catro e vencendo por diante do Bonaventure de José Luis Ríos (RCN Vigo), que foi segundo, e do Esquío de Alejandro Castro (LM Bouzas), que finalizou na terceira posición.
Tampouco houbo opción para a frota de J80 cun Alboroto intratable nas catro probas completadas. O equipo de Juan Carlos Ameneiro (MRCYB), que se posiciona como un dos favoritos de fronte ao Mundial de setembro, fixo pleno de triunfos e finalizou o Conde co triunfo na división de monotipos por diante do Cansino de Fernando Yáñez (MRCYB), que logrou un brillante segundo posto na xeral. Por detrás, pechou o caixón o Spaco de Santiago Estévez (MRCYB).
E en clase Fígaro, vitoria para o Bouvento de Javier Bernárdez do Monte Real por diante do Serralleiras de María Casal e do Erizana de Pilar Cid, que asinaron un segundo e un terceiro respectivamente e ambas representando ao MRCYB.
Coa xornada xa finalizada, o Monte Real acolleu ás 18:30 horas a entrega de galardóns aos gañadores do 48º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo, proba que contou tamén co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
Ao acto asistiron o presidente do club, José Luis Álvarez; o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias; o Secretario Territorial da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón; o director de márketing de Zelnova Zeltia, Adrián Salgado; e a directora de equipo de Banca Privada de Sabadell Urquijo, Patricia de Oya.
Agora, o club baionés prepárase xa para a 38ª edición do Trofeo Príncipe de Asturias, que se celebrará en augas galegas entre os días 1 e 3 de setembro e acollerá, como cada ano, a entrega dos prestixiosos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda.







