
“Considera vostede oportuno regular a presenza de animais nas praias do municipio de xeito que no período estival poidan acceder a elas entre as 22:00 e 9:00 horas? (actualmente, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, está prohibida a presenza de animais en todos os areais de Nigrán agás na Praia do Carreiro e Praia do Canto)”. Esta pregunta, con posible resposta afirmativa ou negativa, é a primeira consulta pública da Historia do Concello de Nigrán e ten como obxectivo dirimir se o goberno local modifica ou non a ordenanza municipal de convivencia cidadá e ornato público que, entre outros aspectos, regula a presenza de cans nos areais. A veciñanza poden expresar a súa opinión ata o 15 de agosto a través de escrito ou instancia presentada no rexistro xeral ou sede electrónica (sede.nigran.org) ou ben mediante un formulario google.
“Temos moitas opinións encontradas ao respecto entre a propia cidadanía e mesmo entre ornitólogos ou ecoloxistas e propietarios de mascotas”, incide o alcalde, Juan González, quen o verán pasado deu o paso para permitir a presenza de cans durante o período estival nas praias de O Canto e Carreiro, ademais de ser un municipio pioneiro na instalación de sanecáns no 2017 para depositar as cacas das mascotas. “Os propietarios de cans seguen demandándonos unha maior apertura ao respecto pero tamén temos moita veciñanza que se opón. Non é unha cuestión tan sinxela e queremos, deste xeito, palpar a opinión xeral da cidadanía”, explica o alcalde, quen non valora en ningún caso “unha modificación de cara a que poidan acceder os cans durante o resto do día coincidindo coa presenza de milleiros de bañistas”.
Multas graves
O alcalde de Nigrán incide en que, como contempla a ordenanza e non se pretende modificar, os cans deberían pasear pola praia atados por correa como nos demais espazos públicos do municipio e, igualmente, é totalmente obrigatorio que o dono recolla os seus excrementos. “En caso de que finalmente se modifique a ordenanza imos ser especialmente vixilantes de que os donos recollan as cacas porque, do contrario, se considerará unha infracción grave con multas de ata 600 € por ser este un espazo de convivencia onde acoden cada día milleiros de persoas, entre eles nenos que, precisamente, veñen a xogar na area; este é xa un motivo suficiente para que non se poida soltar o can e que defeque en calquera lugar onde o dono non o pode controlar”, insiste o alcalde, quen ve nisto “unha liña vermella” para que funcione a convivencia entre bañistas polo día e donos de cans pola noite e primeira hora da mañá.
“Esta é a primeira consulta pública que facemos pero virán máis ao longo deste mandato como unha fórmula máis de participación e transparencia”, finaliza.