Todo a punto para comezar este sábado unha nova edición do Trofeo Conde de Gondomar, proba que pon en xogo o Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo. Serán, en total, máis de medio centenar de embarcacións as que se disputen os tres trofeos en liza ao longo das cinco probas programadas entre o sábado e o martes 25 de xullo, coa etapa Raíña ao Carrumeiro Chico como primeiro bocinazo de saída da edición.
É, sen dúbida, un dos asaltos máis emocionantes e disputados da tempada de regatas do Monte Real. Con case cen millas de percorrido, o club baionés pon en xogo este sábado unha proba considerada como unha das travesías máis complexas da vela en Galicia. Todo un reto de navegación para os equipos que se botarán mañá á auga dispostos a facerse coa ansiada vitoria do Trofeo Conde de Gondomar.
A regata de ida e volta entre Baiona e a rocha de Corcubión dará comezo a partir das once da mañá. Todo apunta a que a frota contará con ventos de compoñente norte durante practicamente toda a xornada, aínda que se espera que pasada a medianoite a intensidade comece a diminuír.
Na última edición da competición, o Yess de Rui Ramada foi o primeiro en alcanzar e virar o Carrumeiro Chico. Fíxoo sete horas e cuarto despois da saída na baía de Baiona e optando por unha navegación costeira, pegada a terra.
Os de Ramada lograron, ademais, a suficiente vantaxe como para proclamarse vencedores do Trofeo Carrumeiro Chico na clase Open coa compensación de tempos, mentres que na clase ORC os caixóns do podio foron para os tres equipos que protagonizaron un intenso e emocionante man a man durante practicamente toda a travesía: o Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal, o Solventis de Alberto Moro, e o Magical de Julio Rodríguez.
Entre os equipos que xa confirmaron que neste 2023 volverán estar na liña de saída da proba do Carrumeiro non faltarán o Aceites Abril e o Magical. Fronte a eles, algunhas das tripulacións máis destacadas do panorama náutico galego, como o Unus de Luis García Trigo, o Narval de José Antonio Portas ou o Ronáutica Marinas de Jorge Carneiro.
Pola súa banda, os barcos que non disputarán a subida ao Carrumeiro tamén se botarán á auga este sábado para completar unha proba costeira a partir das dúas da tarde, que será puntuable para o Trofeo Conde de Gondomar Erizana para as divisións de ORC, Fígaro e os preto de vinte monotipos inscritos en J80.

