Aberto o prazo de inscrición para participar na carreira pola praia XII Nigrán Area

O Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor celebran o domingo 13 de agosto a 12ª edición da “Nigrán Area”, carreira popular de atletismo pola praia que é xa un referente da programación estival e deportiva na comarca. O prazo de inscrición para esta tradicional carreira por Panxón e Praia América está aberto en http://www.carreirasgalegas.com ata o 9 de agosto ás 23:59 horas.

O evento deportivo arranca ás 10:00 horas e está aberto a todas as categorías, tendo saída desde Panxón. Os sub 16 percorrerán 2 km, o sub 14 farán 1500 m, os sub 12 un km, os sub 10 percorrerán 500 metros, os sub 8 farán 300 metros e os máis pequenos farán 100 metros de xeito simbólico.

O percorrido para a proba absoluta son 6 km do areal de Panxón-Praia América cando a marea está baixa. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo. Contará con avituallamento ao remate e duchas no pavillón, servizo de ambulancia, seguro de responsabilidade civil e seguro de accidente deportivo para os participantes.

Os dorsais serán entregados polo club organizador o día anterior á proba (sábado día 12) no Club Marítimo de Panxón, situado na Praza José Moginmes Nº14 de Nigrán en horario de 16:30 a 20:30 horas e o mesmo día da proba no mesmo lugar, a partir das 08:30 horas da mañá, e ata 30 minutos antes da celebración da carreira.