Gondomar amplía o servizo e horario do seu punto de información turística

O Departamento de Turismo do Concello de Gondomar amplía o seu servizo co punto de información turística situado no Parque da Feira. Esta oficina prolonga o seu horario con respecto a anos anteriores e permanecerá aberta de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas en horario de mañá e como novidade tamén en horario de tarde de 16:30 a 19:00 horas.

Neste punto de información tanto os visitantes como os residentes dispoñerán de información sobre Gondomar e a súa contorna, ofrecendo un modelo de atención apoiado nas novas tecnoloxías e buscando sempre mellorar o grado de satisfacción de quen nos visitan.

No último ano o Concello de Gondomar vén de facer un gran esforzo pola súa promoción turística, así no mes de xaneiro deste mesmo ano durante a celebración da Feira Internacional de Turismo – FITUR presentouse unha nova guía turística e un novo rueiro que tamén estarán a disposición nesta oficina.