
O Colexio de Podólogos de Galicia (COPOGA) ofrece unha serie de recomendacións para procurar que os pés dos peregrinos cheguen no mellor estado posible á Praza do Obradoiro de Compostela. Como coidados básicos do pé, o Colexio sinala que, durante os roteiros de peregrinación, calquera alteración pode producir unha lesión de gran importancia, por iso destaca que é conveniente que un podólogo realice ao futuro peregrino, con anterioridade ao comezo do Camiño, un estudo biomecánico para observar se a marcha é normal ou presenta alteracións e recomendacións sobre o calzado que debe utilizarse.
Calcetíns secos, técnicos e de algodón sen costuras, uso de chanclas nos descansos e bastóns
Cos pés como protagonistas do Camiño, as podólogas e podólogos galegos lembran os elementos esenciais para facer unha peregrinación satisfactoria e sen grandes complicacións podolóxicas. Recomendan realizar un adestramento previo ao comezo do Camiño, coa indumentaria e todo o equipamento que se vai a utilizar durante a peregrinación, sobre todo as persoas que non están afeitas a camiñar longas distancias. Así, aconsellan utilizar calzado de trekking, xa usado, con sola amortiguadora de máis altura no talón que no antepé para evitar sobrecargas da musculatura posterior da perna, pero sen que presente desgaste ou deformación. “O calzado debe manter a estabilidade dos nosos pés achegándonos suxeición para así minimizar o risco de lesións” -apunta a presidenta do Colexio de Podólogos de Galicia, Ana Requeijo-.
Outro aspecto fundamental para protexer os pés durante a peregrinación son os calcetíns, que deben permanecer secos para evitar a aparición de fungos e ampolas. Lembran que é preciso ter na mochila máis dun par de calcetíns a man. Neste punto, as podólogas e podólogos aclaran que, se os pés súan moito ou se requentan coas altas temperaturas do verán, non se debe dubidar en cambiar os calcetíns no medio do traxecto. Aconsellan usar calcetíns técnicos e de algodón sen costuras, que se adapten ao pé sen formar engurras ou dobreces.
Nos descansos que se realicen durante a xornada xacobea, o COPOGA recomenda usar chancletas con suxeición para descansar os pés e que transpiren, tanto nas paradas como no fin do roteiro, tras todo o día camiñando unha media de entre 25 e 30 quilómetros. Outros consellos fan referencia ao uso de bastóns para ter máis estabilidade e descansar entre cinco e dez minutos cada hora.
Pequena caixa de primeiros auxilios na mochila: crema hidratante, vaselina, antiséptico cutáneo para infeccións, gasas e esparadrapo e pos astrinxentes para a sudoración
Ademais, o Colexio de Podólogos de Galicia recomenda a todas as peregrinas e todos os peregrinos do Camiño de Santiago levar unha pequena caixa de primeiros auxilios na mochila ante calquera posible risco de lesións ou feridas, “xa que unha simple ampola mal tratada pode infectarse, causar dor e cambiar o patrón da marcha e así lesionarnos obrigándonos mesmo a ter que abandonar a peregrinación”.
Este kit debe incluír unha crema hidratante, vaselina pura ou lubricante, antiséptico cutáneo para evitar infeccións en feridas ou ampolas, apósitos para cubrir estas lesións, é dicir, apósitos de segunda pel, feltros ou simplemente gasas e esparadrapo, así como pos astrinxentes para controlar a sudación.
Ante calquera problema de gravidade que o peregrino detecte no seu pé ou nocello, o COPOGA recomenda acudir a unha podóloga ou podólogo na maior brevidade posible nalgunha das paradas do roteiro xacobeo. Nesta ligazón da páxina web colexial, os peregrinos poden buscar a clínica de podoloxía máis próxima á súa localización no Camiño. Ademais deste xeolocalizador, creado con motivo do Xacobeo 2021-2022, este sitio web conta cunha listaxe de coidados básicos dos pés presentados en catro idiomas: galego, castelán, francés e inglés. Esta información para os peregrinos está tamén a disposición en todas as farmacias de Galicia, grazas a un proxecto de colaboración posto en marcha entre o Colexio de Podólogos de Galicia e os catro Colexios provinciais de Farmacéuticos, chamado “Os pés no Camiño”. Repartiuse por todas as farmacias galegas un vinilo para colocar na porta dos seus establecementos cun código QR que redirecciona ao sitio web do COPOGA.