Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no Trail Serra do Galiñeiro. Trátase dunha das poucas probas que Galicia Máxica Trail Adventure organiza desde o seu primeiro ano, xunto co de Moaña e o Courel. O Trail Serra do Galiñeiro é unha proba moi querida polos corredores de trail de ambas as dúas beiras do río Miño grazas ao seu perfil agreste e salvaxe, con zonas de escalada en roca granítica, as marabillosas vistas sobre a ría de Vigo e a baía de Baiona, así como o ambiente festivo que os afeccionados xeran preto da cima.
Este ano o percorrido apenas mantén trazas dos de anos anteriores, posto que a organización cambiou a zona de saída/chegada ao centro de Gondomar, no canto de facelo en Vincios, o que foi unha volta de torca máis a un dos clásicos. Do Trail de 22 km e 980 D+ apenas se repiten 3,5 km, o Mini de 15,5 km e 520 D+ é completamente novo, así que esperan que os atletas gocen dos cambios.
No Trail haberá premios para os tres primeiros clasificados da xeral e de cada categoría (Sénior, Veteranos I e Veteranos II). No Mini Trail só serán premiados os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres. Tamén haberá competición por equipos.
Os interesados en participar deberán inscribirse e efectuar o ingreso do importe correspondente no prazo indicado e a través da web de Prozis. A inscrición inclúe a participación na proba, avituallamentos intermedios, avituallamento final, seguro de accidentes e recordo da proba. Máis información en galiciamaxicatrail@gmail.com ou no teléfono 660 697 978.
| Fase | Evento | Prezo | Data límite de pago |
|---|---|---|---|
| Fase 1 | Trail 22 km | 20 € | Ata o 16 de setembro de 2018 |
| Fase 2 | Trail 22 km | 25 € | Desde o 17 de setembro ata o 26 de setembro de 2018 |
| Fase 1 | Mini Trail 15,5 km | 15 € | Ata o 16 de setembro de 2018 |
| Fase 2 | Mini Trail 15,5 km | 20 € | Desde o 17 de setembro ata o 26 de setembro de 2018 |

