Arranca a cuadraxésimo oitava edición do Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo. A presentación oficial da histórica regata que organiza o Monte Real Club de Yates deu este martes o pistoletazo de saída para unha nova edición, que levantará o pano este próximo sábado con case medio centenar de barcos inscritos e cun completo programa de accións solidarias como gran novidade da edición.
A regata comezará, como vén sendo habitual, coa mítica subida ao Carrumeiro Chico, unha travesía dunhas 95 millas que, ademais de ser un dos percorridos máis longos da tempada de regatas en Galicia, inaugurará os marcadores para as divisións ORC e ORC Extra.
Entre os quince equipos que xa confirmaron a súa participación na etapa Raíña do Carrumeiro non faltará o vencedor en tempo real da pasada edición, o Yess de Rui Ramada (MRCYB), que completou o percorrido en 12 horas e 51 minutos. Fronte ao equipo de Ramada estarán tripulacións como a do Aceites Abril de Luis e Jorge Pérez-Canal (RCN Vigo), que defenden o título do Trofeo Conde de Gondomar e contan con seis vitorias no seu palmarés; o tamén vigués Magical de Julio Rodríguez; o local Unus de Luis García Trigo; o Narval de José Antonio Portas, que navega baixo a grímpola do CN Vilagarcía; ou o Ronáutica Marinas de Jorge Carneiro (CN San Telmo) entre outros.
O barco que resulte gañador desta etapa alzarase co Trofeo Carrumeiro Chico, un dos tres que pon en xogo o Gran Premio Zelnova Zeltia / Sabadell Urquijo. Os outros dous títulos en liza son o Trofeo Conde de Gondomar, que inclúe a etapa Raíña do Carrumeiro, a volta a Ons do día 24 de xullo e dous bastóns que poñerán o broche final á cita o último día de competición; e o Trofeo Conde de Gondomar – Erizana, no que puntuarán unha regata costeira programada para o sábado, a volta a Ons e dous bastóns.
Serán, en total, cinco probas as encargadas de decidir aos novos vencedores do Conde de Gondomar nas catro categorías en liza: ORC, ORC Extra, J80 e Fígaros.
Na presentación oficial aos medios de comunicación, que se celebrou este martes no Monte Real, estiveron presentes José Luis Álvarez, presidente do Monte Real Club de Yates; Juan Carlos Ameneiro, Conselleiro Delegado de Zelnova Zeltia, e Pedro González, Director Xeral; Pablo Junceda, Director Xeral de Banco Sabadell Gallego; Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona; José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte; e Ignacio Sánchez Otaegui, Comodoro do club organizador.
A 48ª edición do Trofeo Conde de Gondomar, a máis solidaria da súa historia
Tal e como se anunciou en rolda de prensa, a axenda deportiva do Trofeo Conde de Gondomar estará acompañada este ano dun novo programa de accións sociais que converterá a esta cuadraxésimo oitava edición da regata na máis solidaria da súa historia.
O luns día 24, coincidindo coa cea mariñeira para participantes, terá lugar no xardín do Monte Real un evento solidario de man de Zelnova Zeltia. O evento estará presentado por Duarte Galván e estará amenizado por Carlos Blanco, que ofrecerá un divertido monólogo co obxectivo de animar aos presentes a comprar rifas para entrar no sorteo dunha noite con almorzo incluído nas Cabañitas do Bosque, situadas en Outes (A Coruña).
Paralelamente, durante as catro xornadas de regata, o club baionés poñerá ao dispor de todos os socios e regatistas dous vehículos Volvo eléctricos (Volvo C40 408 CV e Volvo C40 231 CV), para que poidan probalos e coñecer as tecnoloxías máis limpas e eficientes de primeira man á vez que colaboran coa iniciativa solidaria da edición, e é que por cada “test drive” que se realice Volvo Autesa doará unha achega económica á causa.
Todos os fondos recadados en ambas as dúas accións irán destinados á Fundación Igualarte, que consta dun centro ocupacional, un centro de día e un programa artístico co que se definen como “un espazo no que as persoas con diversidade funcional poden expresarse de maneira artística”.

