Gondomar decorará o seu Concello coa arte dos alumnos do Juan María

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro, recibiu este venres no seu despacho a alumnos e alumnas do Centro Juan María de Nigrán para ensinarlles a nova sala de xuntas, a localización na que lles comunicou quería contar cun cadro deseñado e pintado por estes grandes artistas.

Paco Ferreira xa trasladara o seu interese en contar cunha das obras destes mozos na visita que realizou ás instalacións que teñen no municipio veciño de Nigrán onde “puiden ver a gran labor de inclusión que se está realizando e na que as administracións debemos implicarnos e servir de exemplo”. Xa nese primeiro encontro chamaron a atención do rexedor algunhas das pinturas que decoran as instalacións, realizadas polos seus estudantes.

Parte deles desprazáronse ata Gondomar para ver en persoa o lugar no que se quere situar o cadro e para mostrarlle ao alcalde diferentes bosquexos sobre os que poderían traballar. Paco Ferreira encomiou os deseños que lle ensinaron e asegurou “que é un orgullo para min poder contar con estes artistas e saber que lucirá na nosa sala de xuntas unha das súas obras”.

Lourdes, Andrea, Belén, Ricardo, Alberto e María, acudiron ao Concello acompañados por unha das responsables do Juan María, Ana Costas, onde explicaron que o cadro será unha obra colectiva. Desta forma, se aposta pola participación e implicación dos estudantes “que poñen o cento por cento no que fan, e os seus cadros así o reflicten en distintas instalacións onde xa locen”.

O goberno de Paco Ferreira mantén unha colaboración vía convenio anual co Centro Juan María pero entende que “sempre que se poida debemos ir un pouco máis aló na visibilización do gran traballo que desenvolven nel e na aposta por unha inclusión real”.

Ademais do cadro que decorará o Concello, este mes de febreiro espéranse os primeiros Bancos da Amizade, encargados aos mozos do centro de carpintería do Juan María que se situarán en tres colexios do municipio que así o solicitaron. Por outra banda o alcalde sinala que “non descartamos novas vías de cooperación nun futuro que promovan a inserción laboral destas persoas no noso municipio”.

Anuncios