Sin categoría

“O señor Almuiña está buscando escusas para non ter que cumprir as disparatadas promesas electorais que fixo”

O goberno progresista dirixido por Carlos Gómez, segundo os datos achegados polo servizo de Intervención do Concello de Baiona, rematou o ano 2022 cun remanente de máis de 1,6 millóns de euros. O que significa que o Concello de Baiona atópase nunha situación envexable e pode afrontar gastos como o Paseo Pinzón ou a Praza Victoria Cadaval. Proxectos dos que o goberno socialista foi capaz de conseguir a maior parte do financiamento. Ademais hai que recordar que Carlos Gómez foi capaz de aprobar uns orzamentos de máis de 10 millóns para o ano 2023.

“O señor Almuiña está buscando escusas para non ter que cumprir as disparatadas promesas electorais que fixo, como por exemplo a construción de 1.000 vivendas”. Son declaracións do portavoz da agrupación socialista tras a sorpresiva publicación realizada polo Partido Popular. Carlos Gómez indica que os tempos de gardar as cousas nos caixóns son máis da época da primeira etapa de Almuiña.

“O cabeza de lista do PP saíu en prensa dicindo que hai 2 millóns de euros en facturas pendentes de pago, pero omite, a sabendas, que a maior parte deste importe corresponde a facturas de obras subvencionadas e facturas de servizos ordinarios como a electricidade, etc. Nas obras subvencionadas como o Paseo Pinzón, Río Pequeno ou rúa Carabela Pinta, o Concello debe adiantar os cartos, pero a parte subvencionada non supón un gasto para o Concello xa que a Deputación devolve os cartos unha vez rematada a obra. Coa entrada do novo goberno os pagos destes gastos ordinarios foron paralizados”, engade Gómez.

“Tamén chama a atención que o señor Almuiña tardara case 1 mes en preocuparse de pagar as facturas, pero tan só unha semana en subirse o soldo un 20% con respecto a Carlos Gómez e en rebaixar a colaboración ás asociacións de Baiona”, conclúen os socialistas.