Anuncios
Ticker de novas

Sustentabilidade, ambiente familiar e o mellor indie pop para a primeira edición de Vive Nigrán

FOTO: VIVE NIGRÁN // Presentación do festival en Praia América.

Vive Nigrán, o novo festival concibido como un “Picnic Pop Festival” terá lugar no entorno máxico de Praia América (Nigrán) os días 26 e 27 de agosto e contará con catorce bandas do panorama nacional independente e cinco dj’s. Incluído no circuíto Rías Baixas Fests, Vive Nigrán será a última aradas 8+1 que forman parte deste roteiro estival que propón a Deputación de Pontevedra. A aposta do Concello de Nigrán, que conta tamén co patrocinio da cervexaría Mahou, pretende converterse nun referente para os afeccionados á música en directo nun espazo natural único con concertos a pé de praia e actividades paralelas para todo os públicos na última fin de semana de agosto. Xogos ao aire libre, un market, foodtrucks, obradoiros e charlas debuxan a filosofía deste Picnic Pop Festival ideado para gozar todo o día en familia.

Na presentación desta primeira edición do festival -que tivo lugar esta mañá na contorna do campo de fútbol de Lourido, en Praia América-, o seu director Juan Rivas, amosouse convencido da importancia das ICC como motor de dinamización económica e turismo sustentable, amosando a aposta da organización do evento pola cultura como reformulación do valor do territorio más alá do sol e a praia e propoñendo“a expansión da marca Nigrán como referente de experiencias culturais e desfrute dunha paisaxe única”.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo fincapé na presenza feminina no festival e a contorna “dunha das praias máis fermosas de Galicia e o mundo” cualificando Praia América como“un pequeno paraíso”, verbas coas que concordou o alcalde de Nigrán, Juan A. Gonzalez, que destacou a beleza do lugar e subliñou tamén a “sustentabilidade do festival practicamente por si mesmo como mostra da importancia do espírito emprendedor”.

Ao finalizar o acto, o grupo local Atlantic avanzou parte do que será a súa actuación no festival. Os membros de este grupo local teñen entre 19 e 22 anos e forman parte da aposta da organización polos novos valores xunto con Marem Ladson, de 19 anos e a incorporación sorpresa de Héctor e Nico Iglesias, máis coñecidos como Electric Feels.

A PROGRAMACIÓN MUSICAL

Sábado 26
12.30 MAREM LADSON
13.45 NEW DAY
15.00 ATLANTIC
16.15 DJ ISAAC PEDROUZO
19.00 BFLECHA
20.20 BASANTA
21.40 VIVA SUECIA
23.00 JOE CREPUSCULO
00:20 LAS BISTECS
01:40 DJ PICNIC POP

Domingo 27
12.30 DUQUES DE MONTERREI
13.45 TACHENKO
15.15 ELECTRIC FEELS
17.00 DJ EDU ROMERO
18.00 ESPIÑO
19.10 OS AMIGOS DOS MÚSICOS
20.20 MORGAN
21.40 DA CHICK
23.00 DJ RAPARIJA

As primeiras confirmacións do festival foron o dueto catalán Las bictecs, máximo expoñente Electro-disgusting, definido por elas mesmas como a corrente artística que pretede molestar e non deixar indiferente a una sociedade saturada de información, Joe Crepúsculo, herdeiro do pop de discoteca máis bailable, Viva Suecia, que marca esta cita como a única en Galicia este verán e o novo proxecto Basanta, aposta local que pretende dar voz a natureza con harmonías que recordan melodías sesenteiras.

Tamén estará Da chick, proxecto espacial con base en Lisboa de Teresa Sousa, pura provocación a ritmo de disco soul e boogie funk de directo cegador e a nova formación de Amparo Llanos, New day, que xurde directamente dende o corazón cara un novo comezo para deixar claro que, tras 24 anos con Dover, inda ten moito que dicir.

O folk-pop delicioso de Os Amigos dos Músicos amplamente aclamados por crítica e público, as rancheiras e corridos ao xeito das Rías Baixas dos vigueses Los Duques de Monterrey e o R&B e hip-hop contemporáneo baixo a vangarda dixital de BFlecha, completan o sabor galego do festival xunto ao novo proxecto musical de Alfonso Espiño (Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit, Los Chavales), pop de corte corte psiquedélico, aderezado cunhas pingas de rock progresivo e un chisco de folk-rock.

Tamén galega e novel, a ourensá Marem Ladson, que achegará ao festival a súa voz profunda e chea de matices. Esta moza de 19 anos, quen lanzou recentemente o seu primeiro single “All My Storms”, é unha das tres artistas seleccionadas polo Proxecto Prisma, unha iniciativa que pretende dar visibilidade a artistas menores de 23 anos a través dun programa que combina a formación, a asesoría e a experiencia da música en vivo, e coa que colabora o Vive Nigrán, entre outras organizacións. E outra das apostas locais e de novos valores é a banda nigranense Atlantic, formada a mediados de 2015 que pronto estendeu o seu radio de acción a toda a área metropolitana de Vigo, intercalando nos seus concertos “covers” coas súas propias composicións, dentro dun estilo ecléctico na órbita do indie rock.

Na busca da melodía perfecta incorporouse a coñecida formación de indie pop Tachenko que traerá moitos dos seus grandes éxitos como Escapatoria, Vámonos ou El Respland’or. Unha das bandas máis prometedoras da escena madrileña é Morgan, que acaba de lanzar a segunda edición do seu disco colándose nas listas dos máis vendidos do ano e chega ao festival con un sold out na mítica Joy Eslava de Madrid na memoria.

Súmanse tamén a esta primeira edición cinco sesións de dj’s: Isaac Pedrouzo, melómano de nacemento que ten percorrido todo o circuíto de salas alternativas de Galicia como DJ convidado ata que botou raíces no Café & Pop Torgal de Ourense, cidade de orixe.

O vigués Edu Romero combina o seu traballo como parte do persoal de Coconut producións co de baixista do grupo Nadadora, picadiscos para Onda Cero e DJ en varios eventos, como o Festival de Cans. É un dos DJ’s máis coñecidos do panorama galego; e foi tamén encargado da programación do emblemático La Iguana Club, de Vigo. Pola súa banda Rapariga dj é unha polifacética muller con diversa experiencia en locais de Pontevedra, Vigo e Compostela, de ecléctica selección cañeira e bailable, sempre de música feita por mulleres, independentemente do estilo e a época.

Con Cristina Pontanilla escoitaremos funk, stoner, rock&roll e temazos swings que tanto nos gustan bailar. Poderemos desfrutar tamén da sesión de Picnic Pop dj, con melodías naif e tecnopop como elementos fixos na sesión de Juan Rivas, de ampla traxectoria no mundo da música como autor e intérprete pop, dj e programador. E a incorporación sorpresa de Electric Feels, irmáns xemelgos que levan un longo percorrido en salas e festivais como el Sinsal, O Marisquiño, Atlantic Fest, Ourense ICC Week, MadCool, Osa do Mar aos seus 13 anos de idade. Namoran instantáneamente a primeira vista e nos primeiros minutos das súas sesións.

ACTIVIDADES PARALELAS

A última das citas dos Rías Baixas Fests completa a súa proposta musical con diversas actividades paralelas para gozar en familia de dous días de Picnic Pop Festival.

O sábado, ás 11:30, teremos ocasión de charlar con Carlos Galan, director e fundador de Subterfuge Records, quen coa súa charla “Viaxe ao centro de Subterfuge ”fará un percorrido pola historia do mítico selo independente madrileño a través de imaxes, cancións e, por suposto, da palabra.

O domingo, ás once Isacc Pedrouzo presentará o seu libro Todo tiene una historia. Isaac non só pincha discos,a el gústalle tamén “pinchar” historias, opinións e vivencias como se dunha canción se tratase. O ourensán aproveitará o seu paso por Nigrán para presentar o seu traballo, brindándonos así a ocasión de interactuar cun dos maiores expertos en música contemporánea do país e descubrir como é iso de ver a vida cun ouvido musical. E ás 11:45 Javier Becerra ofrecerá unha charla titulada “Dez hits da historia do pop explicados para nenos (e maiores)”. Trátase dunha aproximación á historia da música popular a través dunha decena de feitos clave que transcenderon á música: desde a revolución da beatlemanía á aparición espectacular do “Thriller”de Michael Jackson, pasando pola visión galáctica do rock de David Bowie.

Durante a mañá e primeira hora da tarde das dúas xornadas do festival, os pequenos e maiores poderán participar en diversas actividades:

● Obradoiro de fotografía con móbil impartido por Cristina Pontanilla, habilidosa fotógrafa con estudio en Pontevedra, que desvelará algunhas técnicas básicas para capturar os momentos fugaces da vida.

● Concurso Debuxa Nigrán. Para participar haberá que plasmar unha ilustración que represente a particular visión de cada artista dun día de verán en Nigrán. Farase unha exposición de todas as obras no espazo do evento, xunto ás fotos xurdidas do taller de fotografías con móbiles.

● Obradoiro de pintacaras e obradoiro gastronómico para facer Minipizzas 100% vexetarianas e granizados naturais.

O festival contará ademais cun espazo de mercadiño e diversos foodtrucks cunha oferta selecta pensada para todos os públicos. Hamburguesas premium, xeados artesáns, bocadillos gourmet, ensaladas orixinais, unha gran variedade de tapas, cociña vexetariana, vegana e sen glute completarán a oferta gastronómica deste picnic musical.

Anuncios