O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu un acto de recoñecemento á traxectoria do deportista baionés Antón Iglesias Leyenda “Kopa”, tras proclamarse o pasado 17 de xuño campión de Europa na Copa de Rexións UEFA coa selección galega dirixida por Iván Cancela. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a Concelleira de Deportes, Ana María Iglesias Rodríguez, fixeron entrega dun agasallo institucional de parte da súa Vila.
O Alcalde destacou a carreira deportiva do baionés. “Grazas por levar o nome de Baiona alá por onde vas. É un orgullo contar con deportistas deste nivel na nosa localidade”. Almuiña tamén destacou o papel do deporte na sociedade baionesa, salientando o compromiso do Concello en apoiar aos deportistas, equipos e clubs locais. O deportista estivo arroupado no acto polo seu pai e a súa nai.

