O vindeiro luns, 17 de xullo, arrancan As Noites do Talaso, programa composto este ano por quince actuacións con música en vivo para gozar na terraza panorámica do hotel de Oia. Ata o 16 de agosto, os concertos serán de luns a mércores co fin de ofrecer boas propostas musicais durante estes días da semana.
Talaso Atlántico volve ser escenario da mellor música coas bandas Copa Rota, 2 Tipos, Algo pasa con Mery, Club Naval e Adolfo, de Wondercovers. As actuacións en directo poderán ser gozadas tanto por clientes hospedados como externos que utilicen o servizo de restaurante ou cafetería do hotel. Así, As Noites do Talaso ofrecerán a oportunidade de pasar unha velada con boa música e gozar da cociña atlántica do chef Javier Fins.
Abrirá o cartel este verán Adolfo, cantante e guitarrista, e membro, ademais, de Stoned at Pompeii, banda producida por Warner. O músico repetirá o 9 e 14 de agosto. A segunda banda das Noites do Talaso será Copa Rota, dúo que actuará o 18 de xullo cun repertorio cheo do mellor da música das décadas dos 70, 80 e 90. Volverán tocar o 26 de xullo e 1 de agosto. O seguinte grupo en actuar, o 19 de xullo, será Club Naval, unha banda xa habitual nas Noites do Talaso. Os vigueses volverán protagonizar o programa musical o 25 e 31 de xullo e o 7 e 8 de agosto. Algo pasa con Mery, un dúo con repertorio desde Manolo García ata Loquillo ou Alaska, pasando polas rumbas de Melendi, Gloria Estefan ou Ricky Martin, actuarán os días 24 de xullo e 2 de agosto. Por último, 2 Tipos, co seu amplísimo repertorio musical pecharán As Noites do Talaso con senllos concertos o 15 e 16 de agosto.
Todos os concertos comezarán ás 22:30 horas.

