O Concello de Nigrán desvelou hoxe o cartaz do festival “Solpor Monteferro”, un dos máis populares do verán na comarca e que arranca o próximo mércores e xoves coa gran novidade de repetirse en agosto (25 e 26). O evento musical une a sublime localización e vistas do miradoiro de Monteferro á tardiña coa música dalgúns dos mellores grupos locais. Neste enclave único terá lugar dende as 20:00 horas e de xeito gratuíto os concertos de Adrian Timms, Claudio Gabis e Black Stereo e o xoves 20 de xullo os de Carolina Rubirosa, Pati Na Má e The Bigüis. O cartaz de agosto será desvelado na mesma semana que se celebre, como é tradición. Estas dúas edicións servirán para recibir e despedir o verán.
O obxectivo é gozar da música ao aire libre e nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permitirán vivir experiencias musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo. Solpor Monteferro é unha experiencia musical para gozar sen présa. Un ano máis, Cervezas Alhambra apoia este evento que convida a saborear as súas cervexas ao compás das mellores propostas musicais.
O Concello de Nigrán quere con “Solpor” poñer en valor un espazo tan espectacular como Monteferro ao tempo que ofrece aos grupos locais unha oportunidade de promocionar o seu traballo no “Mellor escenario do mundo”. “Este ano engadimos roteiros xeolóxicos e arqueolóxicos ao festival Solpor para, precisamente, concienciar á cidadanía do tesouro que temos”, explica o alcalde, Juan González. Esta sublime localización e a indubidable calidade artística dos grupos participantes farán, sen dúbida, que a maxia do solpor tome unha nova dimensión en Monteferro. O evento está organizado polo Concello de Nigrán a través da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.


