Máis de 10.000 persoas asistiron este martes á Romaría de San Bieito en Gondomar durante todo o día. Os fieis iniciaron as súas peregrinaxes a pé desde moi cedo camiñando desde varios lugares dos municipios da Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, O Porriño, Vigo ou de todo o Val Miñor. Tampouco faltaron os turistas que xa gozan das súas merecidas vacacións. Ás sete da mañá deu comezo a primeira misa con ao redor duns 800 romeus e así cada celebración eucarística contaba con máis asistencia de devotos ata a Misa Solemne, cunha igrexa ateigada por un milleiro de persoas. A continuación realizouse a procesión ao redor do templo parroquial acompañada pola Banda de Música do Val Miñor.
A calor e o cansazo, e que moitas persoas chegaron en xaxún aos actos relixiosos, fíxolles pasar un mal trago durante a mañá desde a primeira misa, na que unha muller que estaba de pé fóra do templo esborrallouse pola calor ou a tensión, perdendo nos primeiros momentos o coñecemento, polo que foi trasladada nunha ambulancia a un hospital de Vigo. Máis tarde outra muller esborrallouse nas escaleiras de subida á igrexa e foi noutra ambulancia ao centro de saúde da Xunqueira. Por último, un mozo do municipio do Porriño esborrallouse dentro da igrexa, sendo tamén trasladado a un centro hospitalario. Todo o mundo comentaba que cunha onda calor como a de hoxe a necesidade dun hospital de campaña para ofrecer os primeiros auxilios, xa que as ambulancias tardaron máis de media hora nos tres casos.
Pola tarde deron comezo os actos relixiosos a partir das cinco e media cun aforo ateigado e así continuamente ata as nove e media da noite. Incluso a chaira da igrexa quedou pequena para os romeus, que puideron gozar ademais durante a xornada festiva do bo polbo e o cordeiro como prato favorito nos bares de Gondomar, para despois finalizar a festa con verbena, coa orquestra Solara. Mañá mércores celébrase o último día das festas e está dedicado a San Antonio. Ás seis e media da tarde comezarán as poxas a cargo de Carlos Riveiro e de seguido a misa solemne e procesión do Santo, que estará acompañada polo grupo Os Terribles de Donas. A orquestra Saudade pechará as festas.

