Sin categoría

Gondomar presenta a súa programación cultural de verán

O Concello de Gondomar presentou hoxe a súa programación “Gondocultura Verán 2023”. Durante os meses de xullo, agosto e setembro as rúas de Gondomar encheranse de música, cine ao aire libre, baile, danza e actividades lúdicas pensadas para todos os públicos, con especial atención ao público infantil e familiar. A Gondomar volverán chegar un ano máis dous festivais que son xa unha tradición, o Festival de Danza ABANEA e o Festival de CIRCO. Pero ademais e como novidade contarán, no mes de setembro, cun gran festival de música independente, o SEASON FEST, que recalará en Gondomar por primeira vez.

Outra das novidades será o “Rilla na Rúa – Edición Novecento”, un festival gastronómico e musical que fará parada por primeira vez na vila, e que servirá como homenaxe ao mítico local de ocio que tanto éxito tivo fai algunhas décadas. Este verán Gondomar recupera ademais unha das súas tradicións estivais, o cine ao aire libre, coa proxección de tres exitosos títulos de cine infantil e familiar. Outra das novidades máis significativas é a AQUAPARTY GONDOMAR, unha festa infantil con todo tipo de atraccións acuáticas así como unha festa da escuma.

Tamén haberá contacontos infantís, teatro, concertos de música coral e o festival das escolas de danza, que terá lugar con motivo da celebración do Día de Galicia. A música e as danzas tradicionais tamén teñen un espazo reservado nesta programación a través do Festival Internacional de Folk e Danza no mes de xullo ou xa no mes de setembro a segunda edición do Festival Internacional Miñor Sons.

O alcalde Paco Ferreira destacou que “Gondomar é e seguirá sendo un referente cultural de primeiro nivel, e esta programación é unha mostra do noso compromiso coa cultura”. Ademais o rexedor local destacou que “fixemos unha programación cunha oferta moi variada, dirixida a todo tipo de público e na que teñen cabida todas as disciplinas, e con especial atención ao público infantil e familiar, xa que na tempada estival debemos dar resposta tamén ás necesidades lúdicas das nenas e nenos que se atopan en período vacacional”. O alcalde tamén quixo poñer en valor que “os distintos festivais que van ter lugar na nosa vila, son dun nivel altísimo e por tanto serán sen dúbida un gran reclamo turístico que servirá de apoio á hostalería e o comercio da nosa vila”.