Este sábado e domingo, 8 e 9 de xullo, celébrase o Curro do Galiñeiro, en Vincios. Haberá postos de bebida e música. Ademais, a Comisión de Festas Santa Mariña montará unha cantina con sardiñas e churrasco ata fin de existencias o sábado á noite e o domingo ao mediodía. O domingo tamén haberá pulpeiro.
O desenvolvemento do curro non se diferencia substancialmente doutros da zona. A recolla dos cabalos realízase no mesmo día da festa, pola mañá, nun perímetro que abarca practicamente todo o monte Galiñeiro, desde Zamáns ata Auga da Laxe. A parada para iniciar o tramo final é no denominado alto de As Brañas.
A partir de aquí diríxense os cabalos artesanalmente polos besteiros ata o recinto do curro, procedéndose á entrada no mesmo ao mediodía. No tramo final faise un pequeno cordón. Xa pola tarde, despois da comida campestre, realízanse os labores tradicionais de separación, desparasitación, marcaxe, solta, etc.

