Máis dun centenar de inscritos para participar nos roteiros guiados ao Pazo de Gondomar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Visita guiada ao Pazo do Conde.

Máis dun centenar de persoas inscribíronse xa para participar nos roteiros guiados ao Pazo de Gondomar, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), sendo a primeira delas este martes a partir das seis da tarde. Ao longo do mes de agosto celebraranse outras tres visitas a este edificio histórico e a súa contorna.

O Pazo de Gondomar, declarado BIC fai máis de dez anos, segue suscitando interese tanto aos habitantes do municipio, como aos turistas que visitan estes días a comarca. Proba diso é o feito de que en poucos días cubríronse algo máis de cen prazas para poder participar nos roteiros guiados, que organiza a Concellería de Turismo coincidindo con estas datas estivais.

O punto de partida sempre será o centro urbano de Gondomar, na recentemente remodelada Praza da Paradela, desde onde os participantes partirán acompañados por un técnico de turismo ata o Pazo de Gondomar. Unha vez alí contarase coa colaboración dos actuais Condes no percorrido por este referente do patrimonio histórico da vila do Val Miñor.

Unha vez alí poderán coñecer máis detalles desta fortificación de orixe medieval situada nunha leira dunhas 30 hectáreas, onde ademais de descubrir a súa impresionante colección de árbores e plantas exóticas, tamén poderán coñecer máis detalles da arquitectura do século XIII e sobre a figura do I Conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña.

As visitas, que arrancan esta tarde, repetiranse os días 13, 22 e 27 de agosto, sendo precisa a inscrición previa. Os interesados en participar deben chamar ao teléfono 986 38 40 20.

Anuncios