A peña “Os do Bar” organiza a segunda edición do Campionato de Futbito “Os Pulmóns Futsal de Chandebrito”. O mesmo, está a desenvolverse durante esta fin de semana, venres, sábado e domingo, días 7, 8 e 9 de xullo. A fin de facer posible a organización do evento, contan con numerosos patrocinadores e colaboradores tanto de dentro como de fóra da parroquia. A Asociación de Veciños, o Concello de Nigrán e, moi especialmente, a Comunidade de Montes de Chandebrito, están entre os seus colaboradores. Apadriñan esta competición os ex xogadores celtistas Luis Villar, Jorge Otero e Javier Maté. Os dous primeiros puideron asistir o venres para realizar o saque de honra.
A competición, como na edición anterior, desenvólvese nas instalacións deportivas propiedade da Comunidade de Montes situadas en Chans de Rapadouro. Esta mesma Entidade Veciñal volve doar e encargar o deseño dos trofeos que se entregarán aos 3 primeiros clasificados, deportividade, máximo goleador e menos goleado ao escultor Juan Coruxo, coautor, entre outras obras, das esculturas “Rexurdimento”, “O Milladoiro” e “Monólito do Bosque da Luz”, que locen en diferentes puntos da parroquia nigranense. O deseño, é idea orixinal da Comunidade de Montes e está baseado na escultura “Rexurdimento”, os popularmente coñecidos como “Pulmóns”, con claras alegorías á modalidade de deporte desta competición. Así, a traquea, serían os postes da portería, a súa base, a liña do campo; a parte superior onde estarían os brotes verdes da escultura, serían substituídos por unha bota e un balón de futbito e, os pulmóns, simularían a malla de rede das porterías. Ademais destes trofeos de deseño, agraciarase con 600 €, 300 € e 100 € ao primeiro, segundo e terceiro equipo clasificado respectivamente.
Os partidos comezaron o venres e continuarán hoxe sábado desde as 16:00 e o domingo 9 desde as 10:00 horas con entrega de trofeos prevista ás 14:00 horas aproximadamente. Na cantina coa que contan as instalacións serviranse bebidas, bocadillos de chourizo e churrasco durante os días que dura o evento. Desde a pena “Os do Bar” animan aos veciños para acudir. Hai un total de 16 equipos inscritos, chegando a completar o número máximo de equipos admitidos.



