Sin categoría

“Super Mardo” debuta na Volta Ávila

O gañador das dúas últimas edicións da Volta a Guatemala aterra en Europa. Mardoqueo Vásquez estrearase este venres coas cores do Vigo-Rías Baixas na Volta Ávila. Esta incorporación realizada pola estrutura presidida por José Luis Chamorro xerou moita expectación en Centroamérica.

Medios como ESPN fixéronse eco da chegada do corredor de Totonicapán ao conxunto flúor. Triplo campión de ruta elite en Guatemala e vencedor da volta do seu país en 2020 e 2022, Mardoqueo Vásquez é toda unha referencia no ciclismo centroamericano e de acordo co seu equipo, o Hino-One, decidiuse a probar sorte durante uns meses no vello continente.

O Vigo-Rías Baixas abriu as súas portas ao escalador guatemalteco contando coa inestimable colaboración do Hotel Cemar. A dirección deste complexo puxo as súas instalacións ao dispor da ciclista elite, quen aloxándose en Mondariz-Balneario acumulou adestramentos polas estradas do sur da provincia de Pontevedra. O seu primeiro test en competición terá lugar este venres en Ávila.

Tres etapas

O novo pupilo de Jesús Blanco Villar debutará no regreso da volta abulense, unha rolda que non se disputaba desde o 2019 e que na súa XLVII edición consta de tres etapas. A primeira xornada empezará e concluirá na capital da provincia, mentres que a montaña será a gran protagonista durante a fin de semana cos finais en Arenas e o Barraco.

“Super Mardo”, como así se lle coñece no seu país, terá entre os seus compañeiros de equipo a Noel Martín, o capitán de ruta do Vigo-Rías Baixas e que nesta rolda corre en casa. Outra das grandes bazas da escuadra olívica será Asier González e xunto aos tres contrastados corredores Elite estarán os sub23 Martín Barrero, Cristino Lanchas e Sergio Quevedo.