Sin categoría

Cinco días de festa para honrar a San Bieito en Gondomar

Gondomar celebra do 8 ao 12 de xullo as súas festas patronais na honra de San Bieito. O programa previsto comezará o sábado día 8 co pasarrúas da charanga Vaite Xa ás 18:00 horas. Pola noite, o trío D’Líder amenizará a verbena na Praza Rosalía de Castro. O domingo 9 de xullo a verbena correrá a cargo da orquestra La Dimensión.

O luns día 10 arrancará ás 11:00 da mañá cun pasarrúas a cargo da charanga Vai de Baile. Ás 12:00 do mediodía iniciarase a Caravana Automobilística con saída en Vincios (á beira da gasolineira). Ás 12:30 horas comezará a Misa Solemne na honra de San Cristovo seguida de procesión acompañada pola citada charanga. A continuación, terá lugar a bendición de coches. Pola noite, a orquestra La Fórmula amenizará a verbena.

O martes 11, ás 11:00 da mañá, a Asociación Musical do Val Miñor ofrecerá un pasarrúas. Ás 12:00 do mediodía será a Misa Solemne na honra de San Bieito seguida de procesión acompañada pola devandita Banda, que ofrecerá un concerto ao finalizar. Pola noite, a verbena estará a cargo da orquestra Solara. Tamén haberá misas de mañá, cada hora, desde as 7:00 ata as 13:00 horas, e pola tarde, cada hora, desde as 17:30 ata as 21:30 horas.

O mércores día 12, o grupo Os Terribles de Donas ofrecerá un pasarrúas ás 18:00 horas. Á mesma hora celebraranse as tradicionais “poxas” de San Antonio, a cargo de Carlos Riveiro. Ás 20:30 horas será a Misa Solemne, seguida de procesión, Festa da Gratitude e ofrenda de flores á Virxe do Carme. Pola noite, a orquestra Saudade pechará as festas.