A Garda Civil de Pontevedra investiga ao condutor dun vehículo como autor dun delito contra a seguridade viaria por exceso de velocidade, cando circulaba a 229 km/h na autoestrada AP-9. O feito tivo lugar na mañá do pasado día 3, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico do Porriño, detectou un vehículo que circulaba á altura do km 174,400 da autoestrada AP-9, sentido Portugal, ao seu paso polo termo municipal de Tui, a unha velocidade de 229 km/h, superando en 109 km/h a velocidade xenérica de 120. Unha vez detido o vehículo, procedeuse á identificación do seu condutor, un veciño de Cambados de 43 anos de idade, que unha vez sometido ás probas de alcol e drogas, dando resultado negativo á primeira e positivo indiciario en cocaína e THC, ambas as dúas pendentes de confirmación por laboratorio.
Investígaselle por un delito contra a seguridade viaria, por exceder en máis de 80 km/h o límite permitido en vía interurbana. De ser considerado culpable pola Autoridade Xudicial, pode enfrontarse a pena de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, leva aparellada a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos. As dilixencias remitiranse ao Xulgado de Garda dos de Tui. En canto ao positivo en drogas, pendente de confirmación por laboratorio, constitúe unha infracción moi grave, o que supón unha sanción de 1.000 € (500 € coa redución do 50%), e unha detracción de seis puntos do permiso de condución.
Este tipo de condutas constitúe un dos principais factores de risco que concorren nos accidentes en xeral, e dos máis graves en particular, polo que son un grave problema de seguridade viaria, non só para os responsables senón tamén para o resto de usuarios da vía, polo que se recomenda a importancia de adaptar a velocidade ás circunstancias e estado das vías, non superando en ningún caso os límites de velocidade establecidos nas mesmas.

