
O VI Desafío Talaso Atlántico, que terá lugar o vindeiro domingo, 24 de setembro, será, segundo Aser Estévez, presidente do Club Team Oiense Turonia Maglia – organizador da proba xunto ao Hotel Talaso Atlántico – “un éxito de participación xa que a estas alturas estamos xa no medio centenar de participantes e por experiencia sabemos que na última semana apúntanse moitos corredores”.
Ata este xoves, 21 de setembro, ás 20.00 horas, pódense seguir inscribindo participantes nesta proba que discorre entre as comarcas do Baixo Miño e Val Miñor, e que está aberta a afeccionados e profesionais. Desafío Talaso Atlántico inclúe, ademais, un tramo cronometrado de 17 quilómetros, entre o Mosteiro de Oia e o Alto da Groba.
Os participantes poden anotarse a través de WhatsApp no teléfono 662 065 171 ou no mail ciclismooiense@gmail.com. A inscrición para federados é de 12 euros, de 17 para os que teñan carné de ciclista ou licenza de tríatlon, e de 22 para os non federados (10 euros destínanse á licenza dun día na Federación Galega de Ciclismo). Os primeiros clasificados en cada década de idade, desde os 20 aos 80 anos, recibirán un bono do Hotel Talaso Atlántico que inclúe aloxamento, almorzo e percorrido mariño de talasoterapia. Os segundos e terceiros mellores de cada idade recibirán un percorrido de talasoterapia. Tamén haberá un sorteo entre todos os participantes ao finalizar a proba.
A proba desenvolveuse, por primeira vez, en 2017 e naceu da necesidade de poñer en marcha un evento deportivo nunha das zonas máis frecuentadas da provincia de Pontevedra, debido á súa beleza paisaxística, tanto por ciclistas afeccionados como profesionais.
A saída efectuarase desde a chaira do Hotel Talaso Atlántico e discorrerá por Baredo, Faro Silleiro, ata chegar ao Mosteiro de Santa María de Oia (un tramo de 23 quilómetros neutralizados). A partir de aí comezará a cronoescalada ata o Monte da Groba, de 17 quilómetros. Trátase dun percorrido de dificultade media, segundo os expertos, polo que pasarán polo Alto da Valga e Torroña ata coroar finalmente A Groba, con 600 metros de altitude. Unha vez superado este segundo tramo, onde se dará o avituallamento, haberá un percorrido final de 20 quilómetros, de regreso ao Hotel Talaso Atlántico, que discorrerá por Chan da Lagoa, Baíña e Baiona.