Miki Dkai inicia o ciclo de monólogos do Baiverán 2023

A Praza do Concello de Baiona acolle mañá, domingo 2 de xullo ás 22:00 horas, o primeiro dos monólogos que forman parte da programación “Baiverán 2023”. Miki Dkai ofrecerá o seu espectáculo “100% Talento 0% Censura”, onde este particular gaditano dará paus a torto e a dereito, con humor e respecto, pero coa picaresca andaluza que lle caracteriza.

Miki é un monologuista cunha longa traxectoria que participou en “Las Noches del Club de la Comedia”, “Comediants”, “Comedy Central”, “Paramount Comedy” ou “Pesadilla en la Comedia” xunto ao mestre Quique San Francisco, con quen compartiu escenario durante moitos anos.

Nos seus espectáculos practica un humor moi particular baseado en feitos reais sobre a súa infancia, anécdotas e historias dun neno sen amigos, cuxa nai sente vergoña ao sacalo á rúa. Como el mesmo di, a súa historia é a dun neno que naceu cun pan debaixo do brazo, pero comeullo.