16 equipos participarán no II Torneo “Os Pulmóns Futsal” de Chandebrito

O Concello de Nigrán colabora un ano máis na celebración do torneo “Os Pulmóns Futsal” de Chandebrito que organiza a peña “Os do Bar” da citada parroquia co fin de promover este deporte e dar uso ás instalacións municipais. O evento deportivo, que terá lugar do 7 ao 9 de xullo no campo de futsal de Chandebrito, está apadriñado polos futbolistas veteranos do Real Club Celta Jorge Otero (xogador internacional natural de Priegue) e Javier Maté e Luis Villar (veciños de Chandebrito e Camos respectivamente desde hai décadas), os tres asistiron á presentación do campionato xunto ao alcalde e outras persoas vinculadas ao evento para amosar o seu apoio ao mesmo.

Un total de 16 equipos de toda a comarca están inscritos neste torneo amateur con premios de 600 €, 300 € e 100 € para os tres primeiros clasificados, ademais de trofeos e agasallos. Os partidos terán lugar o venres 7 desde as 19:00 horas, o sábado 8 desde as 16:00 e o domingo 9 desde as 10:00 horas con entrega de trofeos prevista ás 14:00 horas aproximadamente. No recinto deportivo haberá cantina con churrasco e choripán á venda. Desde a peña “Os do Bar” animan á veciñanza a acudir.