
Esta pasada fin de semana á parte da gran actuación do atleta Adrián Bernárdez nos Campionatos de España en pista Sub-16 de La Nucía, concretamente o domingo día 25, tamén competían os atletas máis pequenos da Sociedade Atlética Val Miñor no Campionato de Galicia en pista Sub-10 e Sub-12 na localidade ourensá de Pereiro de Aguiar. Ata alí desprazáronse varios e varias atletas do club, onde callaron unha gran actuación colectiva, obtendo moitos 4º postos, rozando o podio moitos deles.
De sobresaliente foi a actuación da pequena Belén Silva, de Gondomar, quen obtivo a medalla de prata e o subcampionato de Galicia nos 60 metros lisos cun tempo de 9.02 segundos, escapándose o ouro despois de revisar a fotofinish por unha décima de segundo (9.01). Á parte destes meritorios resultados, resaltar que os atletas competiron en diferentes disciplinas como, lanzamento de peso, de pelota, salto de lonxitude, substitucións, carreiras de velocidade de fondo…. etc, algo que enorgullece ao club, vendo a diversificación e ramificación da actividade dentro do atletismo.
Pero xa non só é resaltar semana tras semana e ao longo da tempada os éxitos dos atletas deste club de atletismo. Se a fin de semana pasada foron Adrián Bernárdez e Belén Silva, semanas atrás foi Ainhoa Repáraz e a súa vitoria no campionato de Galicia absoluto nos 100 metros lisos, sendo unha atleta Sub-20 aínda, ou Ricardo Cortizo, quen obtivo no galego Sub-23 o bronce nos 400 metros lisos. Atleta (Ricardo) que esta próxima fin de semana, competirá tamén no Campionato de España Sub-23 de pista, na localidade de Tarragona. E do mesmo xeito, competirá en dúas semanas Ainhoa no Campionato de España Sub-20 en Soria. E posteriormente ambos os dous atletas acudirán tamén ao Campionato de España absoluto que se celebrará proximamente en Madrid.