Carlos Núñez fará parada en Baiona na súa xira “Lugares Máxicos”

Carlos Núñez ofrecerá un concerto o vindeiro venres 7 de xullo nos Xardíns do Parador de Baiona. Como xa é tradición no verán, o gaiteiro internacional volve coa súa xira “Lugares Máxicos” seleccionando emprazamentos fermosos do noso patrimonio natural, arquitectónico, ou histórico, onde a música poida ser desfrutada no mellor contexto posible, algo que non sempre é fácil nos concertos de verán ao aire libre. Na procura dun turismo e unha cultura que permiten o desfrute da música, dos lugares, sen masas, con espazo, cun consumo moderado da enerxía, propón dende hai anos un novo sistema máis respectuoso coa nosa música e a nosa contorna.

O horario, ás 20:00 horas, está pensado para aproveitar ao máximo a luz solar e a beleza do lugar, aproveitado tamén o momento máxico do solpor -sen fialo todo a un show de luces artificiais-, fomentando o aforro enerxético e reducindo o impacto por emisións, coa maxia dunha fin de festa pola noite. Estes concertos moitas veces contan con convidados da localidade, na maior parte dos casos mocidade que así viven unha experiencia que agradecen e moitas veces dá froitos no futuro, en xeral aprendendo Carlos e o grupo repertorio local, para así poñelo en valor.

As entradas para este concerto pódense adquirir na web www.ataquilla.com.