Carlos Gómez Prado, portavoz dos socialistas de Baiona, asegura que “o investimento aprobado o pasado venres pola Deputación de Pontevedra para a renovación da Praza Victoria Cadaval demostra que o noso compromiso con Sabarís era real”. “Presentamos este proxecto e dixemos que estaba canalizado, pese a que o PP e o señor Almuiña dicían durante a campaña que era fume”, lembra Gómez Prado.
Baiona recibirá, dentro do programa PON2030 da Deputación de Pontevedra, unha partida de 464.585,32 euros para a obra, que terá un orzamento total de 553.383,66 euros. O proxecto, elaborado hai meses polo goberno local de Baiona liderado polos socialistas, cumpre varios obxectivos, recuperando o protagonismo para as persoas e, sobre todo, mellorando a mobilidade e a accesibilidade da praza.
A praza terá amplos espazos de descanso e paseo, zonas verdes, renovarase o alumeado con tecnoloxía LED e todos os servizos da zona. “A xestión amósase con feitos; só no último ano, materializouse a reforma do Paseo Pinzón, as obras de humanización na rúa Carabela Pinta e agora estas obras na Praza Victoria Cadaval”, sostén Gómez Prado.
“O proxecto cambiará por completo a praza, que necesita esta renovación integral para mellorar a súa accesibilidade”, remata Gómez Prado, que asegura que “os veciños e veciñas de Sabarís terán un novo centro neurálxico para o seu tempo de lecer, un lugar para desfrutar”.

