O Concello de Nigrán colabora un ano máis coa celebración do International Surfing Day, que terá lugar este domingo 25 de xuño de 9:30 a 14:00 horas na praia de Patos. Este día mundial, dedicado a promover a cultura asociada a este deporte, é organizado cada ano no municipio a través da Asociación de Escolas de Surf de Patos e a Federación Galega de Surf.
Durante toda a mañá haberá música e xogos abertos ao público, ioga, actividade de limpeza da praia, agasallos e rifas e unha merendola. Igualmente, as persoas con doenzas renais participantes no campamento da Federación Nacional ALCER (na residencia de tempo libre da Xunta, en Patos) realizarán un bautismo de surf.
Este día internacional celébrase en 31 países, con máis de 3.000 actividades e mais de 40.000 participantes. Centenares de profesionais por todo o mundo presentarán ao público, a cultura e o deporte do surf a través de cursos, obradoiros ambientais e diferentes actividades completamente gratuítas.


