Sin categoría

Hernaiz logra a medalla de prata para o Vigo-Rías Baixas no Campionato de España de Contrarreloxo

Por terceiro ano consecutivo o Vigo-Rías Baixas conseguiu a medalla de prata Elite no Campionato de España de Contrarreloxo Individual. Tras dous subcampionatos de Noel Martín, este venres Vicente Hernaiz fíxose co segundo posto na proba de 32 quilómetros celebrada na localidade madrileña de Sevilla la Nueva. O corredor valisoletano pisou o podio da gran cita estatal un mes despois de iniciar a súa segunda etapa nas filas da estrutura presidida por José Luis Chamorro.

A finais de maio o ciclista valisoletano regresou ao conxunto flúor procedente do pelotón profesional portugués, onde recalara na primavera do 2022, e marcouse como primeiro obxectivo os Campionatos de España. Con Vicente Hernaiz e Noel Martín, o Vigo-Rías Baixas dispoñía de dous serios candidatos aos metais e ambos o demostraron no punto intermedio do quilómetro 17. O corredor de Valladolid e o abulense de El Arenal marcaron o terceiro e o cuarto mellor rexistro, respectivamente, separados por só 6’’.

A partir da primeira referencia, e co defensor do título Eloy Teruel (Esetec) como claro dominador entre os elites, catro ciclistas xogáronse dúas prazas no caixón baixo unha intensa calor. Vicente Hernaiz foi o máis forte nesa loita e asaltou o segundo posto ao deter o reloxo en 40 minutos e 34 segundos. Bateu por 9’’ a Jorge Gálvez (Zamora Enamora), por 26’’ a Jorge Bastida (Telco’m) e por 29’’ ao seu compañeiro Noel Martín, que completou o top-5. A vitoria correspondeu por 1’44’’ de marxe a Eloy Teruel.

A contrarreloxo do Campionato de España dispútana os corredores Elite e os profesionais compartindo percorrido e quenda. Hernaiz obtivo a 25ª posición na clasificación conxunta e recibiu a súa medalla na entrega de premios na que Jonathan Castroviejo (Ineos) foi coroado por sexta vez como rei estatal desta especialidade.

Probas en liña

Este sábado pola tarde chegará a quenda da carreira en liña Sub23 e catro representantes do Vigo-Rías Baixas defenderán as cores das súas seleccións autonómicas. Martín Barrero e Pelayo Alonso participarán con Asturias, Sergio Quevedo coa Comunidade de Madrid e Alejandro del Cid con Castela e León. No 166 km con saída e chegada en San Lorenzo del Escorial acumularanse case 3.000 metros de desnivel positivo acumulado. Por tanto, espérase que o protagonismo corresponda aos escaladores.

Para o domingo queda o prato forte. Compartindo un ano máis pelotón cos ciclistas profesionais, a formación olívica participará na proba de fondo Elite e Elite-UCI. Asier González, Pablo Ara, Mario Villarino, Noel Martín e Vicente Hernaiz formarán o quinteto dirixido por Jesús Blanco Villar. De novo con San Lorenzo del Escorial como epicentro, os corredores da carreira raíña masculina afrontarán 20 quilómetros máis que os Sub23.