Alberto Meira encara o Rali Noia co obxectivo de seguir adaptándose ao DS3 R5

Un mes despois da primeira cita do campionato, o Rallye da Coruña, e tras avaliar a adaptación do piloto de Vincios á súa nova montura, o equipo encara a proba noiesa con moita ilusión e ganas de seguir aprendendo as reviravoltas do Citroën DS3 R5 para poder sacar o máximo das súas prestacións.

Non foi sinxela a transición despois de tantos anos coas distintas evolucións do Mitsubishi Lancer, pero tras disputar o Rallye do Bierzo a modo de test e o Rallye da Coruña, Meira móstrase confiado coas bondades do Citroën, para poder entrar en loita cos seus principais rivais, que xa levan varios anos subidos nun coche da clase R5.

“Proseguiremos a nosa liña de traballo para continuar aprendendo do que é capaz este vehículo, ademais de seguir probando regraxes para acomodarnos nós o máximo posible ao coche e viceversa. O Rali Noia é unha proba con moitas trampas e asfalto moi deslizante, e se as previsións acertan tocaranos traballar no setup de mollado e ver como se comporta o Citroën DS3 R5 en auga. Tamén haberá que ver a que distancia estamos respecto dos nosos rivais nesta situación, xa que hai que traballar practicamente desde cero nunhas condicións, as de mollado, que só probamos nos test no principio do ano”, comentaba Alberto.

O Rali Noia iniciarase este venres cun tramo urbano, que servirá de antesala ao que se vivirá o sábado, dúas pasadas aos tramos de Culou e Mazaricos pola mañá, mentres que pola tarde tocarán outros dous pasos a Outes e ao mítico Montemuíño, que anoitecendo e posiblemente con choiva poñerá a guinda do pastel na proba noiesa.