Este domingo celebrouse o tradicional curro de Morgadáns, que se desenvolve no chamado lugar das Fechaduras na ladeira do Monte Aloia, na vertente orientada cara o Val Miñor. Trátase do primeiro dos curros que se desenvolven en Gondomar, e nesta edición, con moita xente e bo tempo, “baixáronse” máis de 150 exemplares -36 poldros, 5 garañóns e 120 exemplares adultos e subadultos.
As tarefas comezan cando os gandeiros xuntan aos equinos na parte alta do monte, para logo baixalos ao recinto. Tras a celebración da comida campestre, pola tarde, as burras entraron no “curro”, onde os “aloitadores” foron os encargados de separalos para desparasitarlos, marcalos, colocarlles o chip e cortarlles as crins, e posteriormente, volver deixalos en liberdade.
Púidose ver a xente nova aprendendo dos maiores as tarefas de acurrar, rapar, marcar e desparasitar as burras. Máis exemplares nestes montes da parte sur e noroeste da Serra do Galiñeiro, Monte Aloia e Montes de Couso, Peitieiros e toda a parroquia de Morgadáns.
Esta festa, tan antiga como Galicia e coñecida como a “rapa das bestas”, repítese cada ano na primavera e verán, sendo un dos espectáculos máis xenuínos dos que se pode gozar en terras galegas. O vindeiro domingo día 25 de xuño, será a quenda do curro de San Cibrán, en Donas.

